Sobre a "Tarxeta Solidaria"

cartelOnte o alcalde, a concelleira de Benestar Social e a tenente de alcalde presentaron nunha rolda de prensa “unha tarxeta solidaria que substitúe aos cheques sociais de alimentos”. Hoxe o Faro de Vigo recolle a nova así: "Los vigueses sin recursos estrenan la 'tarjeta solidaria".

Na web do concello de Vigo podemos ler o seguinte: "Os cheques municipais para axudas de emerxencia de alimentos serán substituídos por tarxetas de crédito coas que os usuarios poderán comprar comida e produtos de hixiene de primeira necesidade en calquera establecemento da cidade.”

Funcionarios do concello aclaran que estamos a falar das Axudas de Emerxencia Municipais (AEM). Segundo recollen as bases destas axudas, a súa finalidade é “apoiar a aquelas persoas, familias ou colectivos que carecen de recursos económicos para satisfacer as súas necesidades básicas en relación coa alimentación o aloxamento ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social”. A única mudanza está na forma de pagamento para o concepto “alimentación”. O concepto “produtos de hixiene de primeira necesidade” non aparece recollido nas bases, polo que non sabemos a que se refire o alcalde.

Na actualidade cando concédente unha AEM recibes un cheque co importe correspondente e logo tes que achegar, nun prazo de 10 días, as facturas ou tiquets de compra que acrediten que fixeches o gasto no concepto concedido. A partir de agora, cando percibas unha axuda para alimentos recibirás unha tarxeta bancaria de “La Caixa” recargada cos cartos para facer a compra e será o comercio o que lle envíe o recibo ao concello, co cal a persoa beneficiaria non terá que presentar os documentos que xustifiquen dito gasto.

O alcalde anunciou que “no borrador de orzamentos está prevista outra partida de 700.000 euros para este tipo de axudas, co que a contía final para alimentos ascenderá aos 1,2 millóns de euros”. A partida aprobada para 2014 é de 445.000 euros, polo que mentres non aproben os orzamentos isto é propaganda. Na memoria temos o tan anunciado cheque social do pasado ano, que resultou unha trapallada: dos 2,45 millóns de euros, 540.000 non chegaron ás persoas máis empobrecidas por problemas varios.

É farturento sufrir estas políticas sociais no medio da nada na que nos deixan os distintos poderes. Cutres, recortadas, malpensadas, propagandísticas, ineficaces, controladoras, estigmatizadoras... así son as políticas que, para a nosa desgraza, acompañan a nosa insuficiencia de recursos.

Fronte a isto volvemos traer as palabras das compañeiras de Alambique: “Por riba da súa cobiza está a nosa dignidade”.

Infórmate, reúnete con outras persoas e defende os dereitos sociais!

 

Renda Básica das Iguais, XA!

Oficina Dereitos Sociais - Coia

Etiquetas: