Compartimos el texto de la campaña "Desarmemos o ensino" impulsada por el Espazo Aberto Antimilitar. Desde 2006 está en marcha el Plan Director para la Convivencia y Mejora de la Seguridad en los Centros Educativos, por lo que policías y guardias civiles entran en los centros educativos para dar charlas y hacer actividades. Ante movimiento de las fuerzas y cuerpos de seguridad proponemos una reflexión crítica: qué papel deben tener las fuerzas policiales y militares en las escuelas? Colectivos, como el Espazo Aberto Antimilitar apostamos por una educación no violenta, por una enseñanza al servicio de la comunidad que rechace colaborar con la policiación y la militarización de nuestras vidas.
A continuación el texto de la campaña "Desarmemos o ensino":
Para o profesorado, a palabra «plan» forma parte do seu acervo profesional: plan de acción titorial, plan TIC, plan lector, plan de atención á diversidade... Pero hai un plan que, malia o seu impacto, é descoñecido para gran parte do profesorado e da comunidade educativa. Un plan que non chega da Consellería. O Plan Director —desvelamos xa o seu nome— é un programa". do Ministerio, mais non do Ministerio de Educación.
O Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas é un programa do Ministerio do Interior en marcha desde 2006. Consiste en que policías e gardas civís visiten centros educativos para impartir charlas e actividades sobre seguridade. Entre outros, os temas que abordan son: acoso escolar, prevención de drogas e alcohol, riscos de internet e redes sociais, prevención da violencia de xénero e do maltrato familiar, bandas violentas, racismo e delitos de odio...
Alén de «sesións educativas» para alumnado de todas as etapas, o plan tamén ofrece: charlas dirixidas ao profesorado, colaboración activa coa comunidade educativa para o deseño e implantación de protocolos, atención individualizada na xestión de conflitos, exhibicións e demostracións prácticas, xornadas de portas abertas e accións específicas como «incrementar a vixilancia policial nas inmediacións dos centros educativos para previr e combater o tráfico, consumo e tenza de drogas, así como todo tipo de condutas violentas relacionadas cos menores e a mocidade, mellorando a seguridade integral tanto nos centros educativos como na súa contorna».
No marco deste plan tamén preténdese «articular mecanismos e instrumentos de coordinación permanentes, entre os expertos policiais e as autoridades docentes, comunidade educativa en xeral e en particular co Coordinador ou Coordinadora de benestar e protección».
A policialización —e tamén a militarización— é un fenómeno que está a medrar en moitos ámbitos das nosas vidas. O ámbito educativo, á vista dos obxectivos e das accións do Plan Director, atópase no seu foco de influencia. Fronte á extensión do poder policial no tecido cotián, queremos reflexionar sobre as respostas que estamos a ofrecer desde o educativo.
Unhas respostas que están condicionadas polas circunstancias nas que se desenvolve o labor educativo e que impulsaron a creación das Asembleas Abertas do Ensino Público que denuncian a: “falta de recursos, problemas materiais, burocracia excesiva, sobrecarga, ou situacións que afectan directamente ao alumnado e que non sempre atopan resposta polas canles habituais”.
Nunha análise intuitiva percibimos que gran parte do profesorado normaliza e naturaliza a presenza de policías, gardas civís e militares. Para unha maioría, non se percibe —nin se considera problemática— a entrada de persoas uniformadas e armadas en escolas e institutos. Pola contra, valórana como unha actividade complementaria máis dentro do amplo catálogo de propostas que se achegan ás aulas ao longo do curso. Chama a atención que esta acollida maioritaria reflicta, sobre todo, unha falta de reflexión ou crítica, en lugar dunha acción consciente e coherente co resto de iniciativas educativas, que buscan achegar o currículo ao alumnado.
Explicado de maneira caricaturesca, pero non irreal, nun mesmo trimestre o alumnado de 4º da ESO pode recibir unha charla sobre ciberseguridade impartida pola Policía Nacional, celebrar o Día da Paz, participar nun obradoiro organizado por unha entidade que traballa polos dereitos das persoas LGTBIQ+, asistir a unha feira de orientación con presenza dun posto do Exército, recibir formación específica sobre mediación escolar e acudir ao desfile das tropas da Policía Nacional polo 200 aniversario da súa creación.
Exemplos como estes falan da diversidade e da liberdade coa que o profesorado exerce a súa función, mais tamén retratan unhas propostas pedagóxicas febles que, en moitos casos, amosan a súa debilidade fronte a motivacións e intereses que non deberían ter tanto peso no educativo. Esta situación reflicte a fraqueza da educación —tanto material como cultural— á hora de concibila como ferramenta de transformación social, liberación e xustiza social.
Sabemos e compartimos vida cotiá con persoas e colectivos, dentro e fóra do ámbito educativo, que consideran que “canta máis policía, máis seguridade”. Algunhas non estamos nesa trincheira. Con todo, estas letras non pretenden tanto convencer como convidar á reflexión sobre o papel, os saberes e as funcións que a educación ten —ou debería ter— na sociedade, nun contexto de crecente desigualdade, violencia e deterioro das condicións de vida.
A nosa vida está influída por múltiples axentes, entre os que tamén se atopan o policial e o militar. En sociedades cada vez máis complexas, “as novas xeracións teñen cada vez menos ferramentas para poder solucionar conflitos de maneira autónoma, e ata o máis mínimo problema de convivencia pasa hoxe por ‘chamar á policía’. Este feito resulta preocupante pola falta de responsabilidade persoal ante as crises que supón, e pola delegación da súa xestión nunha institución punitiva que procura máis o castigo cá reparación do dano ou a xestión efectiva do conflito”[2].
O avance —non só— da presenza policial enténdese a miúdo como unha solución para numerosos problemas relacionados coas desigualdades sociais, a pobreza ou a inxustiza. Porén, estas cuestións adoitan abordarse desde unha perspectiva securitaria propia do contexto neoliberal, na que se individualizan problemas sociais complexos e se responsabiliza ás persoas das súas consecuencias.
As escolas e os institutos deberían tratar de afastar, na medida do posible, estas olladas. Defender pedagoxías ao servizo da transformación social desde enfoques non violentos —co seu saber, coa súa experiencia técnica e práctica—, no seu verdadeiro espazo, as escolas e os institutos, é unha tarefa que compete a toda a comunidade educativa. Por iso convidamos a revisar, reflexionar e artellar de maneira crítica a presenza do policial nas nosas aulas.
Cuestionar a policialización nos contornos educativos pasa por pór en cuestión a orde establecida e as normas sobre protección das infancias e adolescencias. Non se trata de individualizar o conflito, senón de xerar e mobilizar redes colectivas capaces de sostelo. Alguén se detén a pensar no que pode supor a entrada dun axente policial nunha escola cada vez máis diversa, onde conviven infancias e adolescencias racializadas, afectadas polas adiccións dous seus familiares ou pola pobreza estrutural?
O avance do antipunitivismo e a despolicialización require dunha nova cultura do conflito e dunha educación orientada a convivir con el. Xa non se trata simplemente de resolver o conflito, senón de comprendelo e empregalo como panca de transformación social, comunitaria e colectiva. Cómpre admitir tamén que, ás veces, sentimos medos ou dúbidas e que non sempre dispoñemos dos recursos nin dos coñecementos necesarios para afrontar unha realidade cada vez máis complexa.
Moitas voces admiten que a seguridade depende máis da xestión de variables como os dereitos humanos, o equilibrio ambiental e a xustiza social. Non ser críticas con plans que pulan por esquemas de seguridade baseados en conceptos como control, individualización de problemas sociais ou na defensa militar é totalmente caducado, cando non arriscado.
É por iso que apostamos por unha educación non violenta, por un ensino libre que rexeite colaborar coa policialización e a militarización do mundo.
Vigo, marzo 2026
Espazo Aberto Antimilitar

