Xornada de formación: Renda Básica das Iguais (RBis)

logotipoO colectivo STOP Desafiuzamentos A Coruña, en colaboración co #15M de Monte Alto, vimos de organizar unha xornada de formación sobre a Renda Básica das Iguais (RBis), é dicir, sobre o dereito de tódalas cidadás e cidadáns a recibir uns ingresos periódicos, que garantan as coberturas das nosas necesidades materiais independentemente de cal sexa a nosa situación dentro da esfera produtiva.

Esta formación será impartida por persoas integrantes da coordenadora de colectivos Baladre, e terá lugar mañá, venres 7 de febreiro, de 16.30h. a 20.30h. na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (R/ Olmos 16-18, A Coruña).

No actual contexto de estafa financieira e corrupción política que está a forzar a perda de dereitos sociais e a precarización total do mercado de traballo, esta ferramenta tórnase especialmente interesante para a sociedade ao propor a posibilidade de que cuestións tan fundamentais como a cobertura económica cando non temos emprego, ou o sistema de pensións ao que deberemos recorrer cando sexamos vellas/os, non dependan da patronal empresarial nin de gobernos ultraneoliberais, senón que se converta nun dereito garantido que nos permita vivir con dignidade en lugar de escravizadas/os polo Capital.

Esta proposta avanza xa significativamente na Unión Europea e, na actualidade, estase moi pendente tamén dos avances que neste sentido poden dar países extracomunitarios coma Suíza, onde este ano terá lugar un referendo para decidir se se concede unha renda básica de 2.000€ mensuais para toda a poboación, iniciativa fomentada pola organización civil Basic Income Earth Network.

Como dende STOP Desafiuzamentos entendemos que a cuestión do acceso á vivenda non é un tema illado, senón que constitúe unha parte máis dun sistema económico e social inxusto onde unha élite minoritaria acapara a meirande parte da riqueza do mundo, gostamos de co-organizar xunto co co #15M de Monte Alto esta xornada adicada á formación, reflexión e debate,  a través da cal desexamos propiciar un espazo de encontro para repensar a nosa sociedade e avanzar no obxectivo de construír outras mellores e máis xustas.

*Podedes acceder a máis información no video Qué es la Renta Básica de los Iguales?

**Achegámosvos tamén o cartaz das xornadas.

Etiquetas: